xoves, 26 de xuño de 2014

Adiviñamos os aprobados nas oposicións ao concello de Pereiro. Sentímolo polos case 500 que botastes a instancia


nomeamento no BOP de Ourense do 24 de xuño de 2014
Xa temos resposta ao noso enigma do 28 de marzo: xa sabemos quen son as agraciadas do proceso selectivo para ser funcionario para toda a vida no Concello de Pereiro de Aguiar!



Dito día depositamos ante Notario o noso “augurio” dos que serían agraciados; e a verdade... acertamos 4 de 5! 


A quinta escapóusenos por pouco. E iso que ía na candidatura do alcalde para as eleccións municipais do 2007!





No Boletín Oficial da Provincia de Ourense de 24 de xuño aparecen os nomes das agraciadas, que podedes cotexar coa nosa predición.

Tal e como nos propuxemos na nosa fundación, pretendemos, no noso tempo libre, sinalar co dedo a inxustiza e o descaro co que se opera na nosa provincia.

acta notarial do 28 de marzo de 2014
Dos 475 opositores inscritos ás devanditas oposicións en Pereiro, queremos dirixirnos a 470. Á maioría silenciosa que ten que aguantar que se rían de nós: É posible que moitos dos que vos presentastes acabedes aprobando algunha oposición, pero , case seguro, será fóra de Ourense. Non seredes os menos preparados, pero sodes os que menos amigos tedes no poder.

Se pensas que se pode facer algo, bótanos unha man e participa!


ADIVIÑAN CATRO DOS CINCO APROBADOS NAS OPOSICIÓNS AO CONCELLO DE PEREIRO DE AGUIAR

- A previsión fora rexistrada nunha notaría ourensá o pasado 28 de marzo de 2014 por membros da asociación Foro Cívico Progresista.

- O nomeamento dos novos funcionarios foi publicado no BOP de Ourense o martes 24 de xuño de 2014, errando o colectivo nun dos cinco nomes  augurados.

- O alcalde do municipio ourensán, Eliseo Fernández, ostenta o cargo dende 1987.


Ourense, 26 de Xuño de 2014

        Esta mañá no Ateneo de Ourense, membros da asociación Foro Cívico Progresista (FCP) fixeron pública unha acta notarial na que enumeraban o nome das cinco persoas que conquerirían, a posteriori, as cinco prazas de funcionario/a de carreira, na categoría de auxiliar administrativo, convocadas polo concello de Pereiro de Aguiar o pasado 25 de agosto de 2013. As bases do proceso selectivo foran modificadas, xa, en setembro do mesmo ano, tras recursos presentados polo excesivo peso da fase de concurso que, finalmente, sería suprimida, resultando un proceso con fase, soamente, de oposición para o cal presentaron instancia máis de 475 persoas. Posteriormente, o 15 de febreiro de 2014, tres días despois de constituir un tribunal formado, case na súa totalidade, por funcionarios da Deputación de Ourense, tivo lugar o primeiro exame, que deu lugar ás sospeitas.

O “augurio”, explicou Javier Rey, voceiro do colectivo, foi depositado ante notario o 28 de marzo de 2014, antes do segundo exercicio do total dos tres que conformaron o proceso, tras diversas sospeitas manifestadas ao FCP por varios opositores que suspenderan o primeiro exame. No documento rexistraron o nome de cinco persoas, entre as que non se atopaban, sintomáticamente, os opositores que obtiveron maior puntuación nese primeiro test, senón persoas próximas ao alcalde e ao Partido Popular .
Finalizado o proceso e publicado o nomeamento como funcionarias de carreira no Boletín Oficial da Provincia do 24 de xuño de 2014, o cotexo co augurio depositado ante notario por membros do FCP amosa un acerto en catro dos cinco aprobados. Porén, a quinta das aprobadas, que non figuraba no augurio, Mª del Pilar Conde Lorenzo, integrara a lista do Partido Popular nas municipais de 2007 en Pereiro de Aguiar, encabezada polo actual alcalde, Eliseo Fernández, no cargo dende 1987.

A iniciativa, explica Javier Rey, “pretende pór de relevo o xeito en que se desenvolven as relacións de poder na provincia de Ourense, caracterizadas pola falta de transparencia, a discrecionalidade, a ausencia absoluta de respecto á cidadanía e na que todo depende de a quen coñeces e do que che deben.”


A asociación Foro Cívico Progresista, explica Rey, que foi presidente da “Casa da Xuventude” de Ourense entre 2004 e 2006, “é un colectivo formado por persoas con traxectoria no movemento asociativo, de esquerdas – unhas con militancia política e outras non -  que pretende canalizar, sorteando as dificultades das dinámicas partidistas,  as inquedanzas e as indignacións daqueles que, sendo maioría, están a ser humillados por uns poucos, como as decenas de opositores que se presentaron a este proceso en Pereiro.”


Javier Rey, voceiro, e Jonathan Da Silva, membro da asociación