xoves, 26 de xuño de 2014

ADIVIÑAN CATRO DOS CINCO APROBADOS NAS OPOSICIÓNS AO CONCELLO DE PEREIRO DE AGUIAR

- A previsión fora rexistrada nunha notaría ourensá o pasado 28 de marzo de 2014 por membros da asociación Foro Cívico Progresista.

- O nomeamento dos novos funcionarios foi publicado no BOP de Ourense o martes 24 de xuño de 2014, errando o colectivo nun dos cinco nomes  augurados.

- O alcalde do municipio ourensán, Eliseo Fernández, ostenta o cargo dende 1987.


Ourense, 26 de Xuño de 2014

        Esta mañá no Ateneo de Ourense, membros da asociación Foro Cívico Progresista (FCP) fixeron pública unha acta notarial na que enumeraban o nome das cinco persoas que conquerirían, a posteriori, as cinco prazas de funcionario/a de carreira, na categoría de auxiliar administrativo, convocadas polo concello de Pereiro de Aguiar o pasado 25 de agosto de 2013. As bases do proceso selectivo foran modificadas, xa, en setembro do mesmo ano, tras recursos presentados polo excesivo peso da fase de concurso que, finalmente, sería suprimida, resultando un proceso con fase, soamente, de oposición para o cal presentaron instancia máis de 475 persoas. Posteriormente, o 15 de febreiro de 2014, tres días despois de constituir un tribunal formado, case na súa totalidade, por funcionarios da Deputación de Ourense, tivo lugar o primeiro exame, que deu lugar ás sospeitas.

O “augurio”, explicou Javier Rey, voceiro do colectivo, foi depositado ante notario o 28 de marzo de 2014, antes do segundo exercicio do total dos tres que conformaron o proceso, tras diversas sospeitas manifestadas ao FCP por varios opositores que suspenderan o primeiro exame. No documento rexistraron o nome de cinco persoas, entre as que non se atopaban, sintomáticamente, os opositores que obtiveron maior puntuación nese primeiro test, senón persoas próximas ao alcalde e ao Partido Popular .
Finalizado o proceso e publicado o nomeamento como funcionarias de carreira no Boletín Oficial da Provincia do 24 de xuño de 2014, o cotexo co augurio depositado ante notario por membros do FCP amosa un acerto en catro dos cinco aprobados. Porén, a quinta das aprobadas, que non figuraba no augurio, Mª del Pilar Conde Lorenzo, integrara a lista do Partido Popular nas municipais de 2007 en Pereiro de Aguiar, encabezada polo actual alcalde, Eliseo Fernández, no cargo dende 1987.

A iniciativa, explica Javier Rey, “pretende pór de relevo o xeito en que se desenvolven as relacións de poder na provincia de Ourense, caracterizadas pola falta de transparencia, a discrecionalidade, a ausencia absoluta de respecto á cidadanía e na que todo depende de a quen coñeces e do que che deben.”


A asociación Foro Cívico Progresista, explica Rey, que foi presidente da “Casa da Xuventude” de Ourense entre 2004 e 2006, “é un colectivo formado por persoas con traxectoria no movemento asociativo, de esquerdas – unhas con militancia política e outras non -  que pretende canalizar, sorteando as dificultades das dinámicas partidistas,  as inquedanzas e as indignacións daqueles que, sendo maioría, están a ser humillados por uns poucos, como as decenas de opositores que se presentaron a este proceso en Pereiro.”


Javier Rey, voceiro, e Jonathan Da Silva, membro da asociación

Ningún comentario:

Publicar un comentario